Ovos de galiñas alimentadas a base de millo
Claves para conservar os ovos frescos

Claves para conservar os ovos frescos

Por que gardar os ovos na neveira se no supermercado están a temperatura ambiente? Lávoos antes de gardalos? Póñoos na caixa de ovos da neveira ou os manteño no seu envase? Se che fixeches algunha destas preguntas, segue lendo. Contámosche varias claves para conservar os ovos máis tempo frescos.

Onde gardar os ovos para mantelos frescos é unha das dúbidas máis habituais. A resposta é fácil: na neveira. Por que, se no supermercado sempre os atoparemos a temperatura ambiente? Porque é o lugar máis seguro para mantelos a unha temperatura constante.

Os cambios bruscos de temperatura son grandes inimigos do ovo, e unha fonte de intoxicacións alimentarias. Nos establecementos non están refrixerados porque as condicións de temperatura adoitan estar controladas e ser constantes, mentres que unha vez realizada a compra, no exterior, poderían sufrir cambios térmicos.

Pero unha vez chegamos a casa, segundo explica El Gran libro del huevo (editado polo Instituto do ovo), “non hai que mantelos a temperatura ambiente, á beira do lume, de fontes de calor ou en lugares expostos á luz solar”. O lugar máis seguro é a neveira, onde se manterán sempre a unha temperatura similar e controlada.

conservar-los-huevos

Canto tempo podo gardalos?

A data de consumo preferente dun ovo tras a súa posta é duns 28 días. Pero isto está relacionado co seu correcto almacenamento e manipulado.  Sempre hai que ter en conta a data de caducidade que marque o envase e evitar consumir os ovos fóra desa data.

A temperatura ambiente, o tempo de almacenamento non debería exceder os 10 días. Unha vez aberto o ovo, as claras crúas poden conservarse na neveira ata catro días e as xemas ata dúas (sempre en recipientes ben pechados e limpos)

Se xa o cociñamos, o mellor é non conservar o alimento máis de 24 horas desde a súa elaboración e a unha temperatura inferior a 8ºC. O ovo cocido poderase gardar na neveira tamén uns catro ou cinco días.

Lavar ou non lavar?

Outra das claves para conservar os ovos frescos é non lavalos antes de gardalos. Que pode ter de malo un pouco de auga? Pois que poñemos en perigo a principal barreira de protección que teñen: a casca. Ao lavalos, podemos danala, porque a súa superficie é moi porosa e pode facilitar a entrada de patógenos.

Mantémolos no seu envase?

Do mesmo xeito que non se lavan os ovos para non danar a súa casca, tampouco é recomendable manipulalos para o seu almacenamento. Por iso, outra das claves para conservar os ovos frescos é mantelos dentro da súa caixa de ovos orixinal, en lugar de cambialos á caixa de ovos da neveira.

O mellor é gardalos nun dos estantes do medio da neveira, no seu propio envase e evitando que entren en contacto con outros alimentos que poidan achegar contaminación ou cheiros, como as carnes frescas, os allos ou as cebolas.

E para cociñar?

Aínda que non é aconsellable lavar os ovos antes de gardalos, si o é cando se vaian a consumir… pero só con auga. E como xa comentamos, sacalos da neveira xusto antes de usalos.

Ademais, é importante manipular os ovos coas mans e os utensilios de cociña ben limpos, para evitar posibles contaminacións e exposición a microorganismos. E cando teñamos que cascar o ovo, non facelo no bordo do mesmo recipiente onde se vaia a bater.

Os utensilios ou recipientes nos que se bateu o ovo ou onde haxa restos de ovo cru, deben lavarse ben antes de ser utilizados de novo para outros alimentos.

separar-claras-y-yemas

Segue estas claves para conservar os ovos frescos, e poderás gozar do sabor do ovo galego con total seguridade.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.