Ovos de galiñas alimentadas a base de millo
O Apalpador e outras tradicións de Aninovo en Galicia

O Apalpador e outras tradicións de Aninovo en Galicia

Nin Papá Noel nin Reis Magos, en Galicia temos o noso propio personaxe para traer agasallos aos nenos en Nadal. É o Apalpador, unha das tradicións coas que os galegos recibimos o novo ano… pero non a única. Contámosche as nosas tradicións de aninovo, tamén na mesa.

O Apalpador

Tamén coñecido como “Pandigueiro”, este vello carboeiro de barba e pelo vermello, boina e roupa con remendos, baixa das montañas as noites do 24 ou o 31 de decembro.  Entra ás agachadas nas habitacións dos máis pequenos, mentres dormen, para palparlles as barrigas e saber se comeron o suficiente durante o ano. Déixalles un puñado de castañas, e se ademais foron bos, déixalles algún outro agasallo e deséxalles un ano cheo de felicidade fartura.

Esta figura lendaria é típica sobre todo nas zonas de montaña, como O Caurel, O Cebreiro e Os Ancares, pero aos poucos foise recuperando e estendendo por outras zonas de Galicia. Agora é protagonista de libros, obras de teatro, discos e tamén está vinculado a outras das tradicións de aninovo: cantar “panxoliñas”: Vaite logo meu ninín, marcha agora pra a camiña, que vai vir o Apalpador a apalparche a barriguiña…”

tradicións-de-aninovo

O lume novo

Se durante a Noite Boa quéimase “o tizón de Nadal” que inspirou os tradicionais troncos de nadal que se toman de sobremesa, en Noitevella acéndese o Lume Novo. Segundo a tradición, este lume acéndese para iluminar o camiño ás almas dos mortos e as brasas mantéñense acesas toda a noite para poder cociñar con elas o día de Aninovo.

A comida

Non hai festa en Galicia que non se celebre na mesa, por iso outra das tradicións de Aninovo en Galicia é despedir o ano que se vai e dar a benvida ao que vén rodeados de boa comida. Por suposto, o marisco ten un lugar especial nas ceas de Fin de Ano, pero hai outros pratos tradicionais nestes días, como o bacallau con coliflor, ou o capón de Villalba. E en Aninovo, un cocido galego para entrar con enerxía.

E por suposto, non poden faltar as sobremesas. Ademais das sobremesas do Nadal, nas mesas galegas sempre hai sitio para os doces máis tradicionais da terra, como as filloas de leite (recheas ou sen encher), a bica ou a torta de Santiago.

Feliz Aninovo cheo de tradicións!

tradicións-de-aninovo
Deixa unha resposta

Your email address will not be published.